top of page

Bateas de Luxo

Señores do fume

Do contrabando de tabaco ao narcotráfico

Todo comezou na década dos 60. As costas galegas, dada a súa orografía e as súas praias salvaxes eran ideais para descargar quilos e quilos de tabaco de contrabando, coñecido como Winston de batea ou mesmo rubio de batea.

 

As Rías Baixas, a Comarca do Salnés e a Costa da Morte eran os lugares nos que o negocio tiña máis éxito. Os motivos, tal e como coinciden todos os protagonistas desta historia, eran claros: gañaban colaborando nunha descarga o que non conseguían gañar en anos no mar. Era unha época de escaseza para os pescadores e tampouco se vía como un delito grave participar neste negocio.

 

A forma das praias, as calas, as naves construídas ao pe da area e as bateas, son algún dos factores que permitían seguir co negocio sen que os collera a policía. Estas últimas, as bateas, que case non existen na zona da Costa da Morte, senón que son propias das Rías Baixas, servíanlles aos contrabandistas para escapar, posto que coñecían á perfección as costas e, se os perseguían, mentres para eles era un xogo esquivalas, para os axentes era algo moi perigoso porque podían morrer se as atravesaban.

 

Nos pobos todo o mundo coñecía o negocio. Nos bares, chegou un momento no que só se vendía Winston de batea, e mesmo a propia policía pedía especialmente ese tipo de tabaco. A sociedade non rexeitaba este negocio, traía riqueza ao pobo, e mesmo a lei estaba a favor dos “malos”. 

Señores do fume

A droga

A situación cambiou cando, ao ver que traer haxís  e cocaína supoñía gañar moito máis diñeiro. Non todos opinaron o mesmo e algúns continuaron soamente co contrabando de tabaco ou mesmo deixaron o negocio.

 

Con todo, cabe destacar, tal e como indica o ex comisario e ex xefe da Udyco de Galicia, que coa entrada en vigor da Constitución no ano 1978, o novo marco legal retíralle o poder de sancionar aos Tribunais Provinciais de Contrabando e outórgallo aos Tribunais de Xustiza, os únicos capacitados para impoñer penas privativas de liberdade.

A droga
335A9614.jpg

Desde a entrada na democracia e ata o ano 1982, o contrabando só era unha falta administrativa, algo que fixo apetecible o negocio. As penas non asustaban aos contrabandistas e, mesmo no ano 1986, ao entrar España na Unión Europea, o delito de tráfico ilícito de diñeiro xa non era delito e moitas investigacións  que se estaban levando a cabo, non serviron para nada.

 

Os xefes dos negocios, ao ver que as condenas eran as mesmas se traficaban con tabaco que se o facían con haxíx, adentráronse neste novo mundo.

 

León explica que foron os propios cárteles sudamericanos os que viron nos galegos unha boa maneira de introducir cocaína e haxíx no noso país. No cárcere foi onde se coñeceron e viron que os galegos coñecían as costas e tiñan embarcacións potentes para transportar a mercancía.

 

Así, nos anos 80, o tráfico de drogas na nosa comunidade estaba á orde do día.

Ao principio todo parecía que ía ben, daba traballo a moita xente. Os narcotraficantes eran como ‘Robin hood’, axudaban aos veciños e veciñas e, dese xeito, o silencio do pobo protexíaos durante moito tempo. Sen embargo, comezaron a desaparecer mozos e mozas, comezaron a morrer persoas de todas as idades e a sociedade comezou a protestar, destacando o papel das nais coraxe, entre as que atopamos a Carmen Avendaño, presidente hoxe en día da Fundación Érguete.

A operación Nécora

Un punto de inflexión

Esta operación policial foi a primeira e unha das maiores redadas contra o narcotráfico en Galicia. Tal e como explica Víctor Méndez en Narco Gallegos, a operación Nécora prodúcese nun momento no que “a aceptación e o rexeitamento convivían a partes iguais na nosa comunidade”.

 

En 1989 arrestan a Ricardo Portabales, un dos narcotraficantes arrepentidos grazas ao que foi posible levar a cabo esta operación debido á súa testemuña.

 

Foi o maxistrado Luciano Varela, xuíz de Instrución de Pontevedra que levaba o caso nun primeiro momento quen decidiu trasladar á Audiencia Nacional o relato do delincuente. Así, o caso pasou a mans do xuíz central de instrución da Audiencia Nacional, Baltasar Garzón, o fiscal antidroga Javier Zaragoza.

 

O 12 de xuño de 1990,  centos de axentes do Servizo Central de Estupefacientes de Madrid acudiron a Santiago de Compostela para evitar posibles filtracións policiais locais.

 

De alí, partiron ata a comarca do Salnés. Unha vez no lugar, cada un dos coches enviados dirixiuse a un punto fixado con anterioridade. Os policías viñeron desde Madrid específicamente para esta operación. Arrestaron nas súas casas a  grandes contrabandistas de tabaco que se reconverteran en narcotraficantes.

 

Estamos falando da Operación Mago, que logo pasaría a chamarse Nécora.

 

Todo isto foi posible grazas ás confesións do traficante arrepentido Ricardo Portabales Rodríguez, de Marín, e do membro do clan dos Charlíns, Manuel Fernández Padín, de Vilanova de Arousa,

 

En setembro de 1990 tivo lugar o xuízo. O fiscal antidroga formulou cargos contra 49 dos detidos, dos que cinco quedaron fóra de sumario. A Marcial Dorado, Michel Haengi e Miguel Rivero acusaríamos de branqueo de capitais.

 

Gran parte do clan da droga galego foi condenado a penas de cárcere, entre os que estaban personaxes coñecidos como Laureano Oubiña ou Sito Miñanco.

 

A operación pechouse no 2004, coa lectura da sentencia, mais a maioría dos arrestados volveron a ser detidos en numerosas ocasións polos mesmos delitos.

A operación Nécora foi un punto de inflexión porque deu a coñecer á sociedade española o problema que existía en Galicia, aínda que, ao mesmo tempo, os capos de Sudamérica ían collendo máis confianza cos transportistas galegos, que usaban pesqueiros e as famosas planeadoras.

Operació Nécora

Hoxe en día

Como actúan

Como actúan

Despois da Operación Nécora houbo moitas outras operacións. Os narcos innovaban nas maneiras de introducir droga en Galicia polas distintas zonas costeiras pero tamén a policía conseguía pouco a pouco ter máis e mellores medios para conseguir desmantelalos tarde ou temprano. 

A día de hoxe, as formas de introdución de droga son varias, pode ser a través dun mercante, grazas a empresas nas que os narcos teñen persoas de confianza... Atrás quedou todo iso das planeadoras, os contos de xefes de policía infiltrados e presumir de traficar.

O xornalista e escritor, Víctor Méndez, contaba hai un par de meses, nunha entrevista exclusiva para este espazo web, as diferentes maneiras de introducir estupefacientes na nosa comunidade. A que máis lle sorprendeu, segundo o escritor, foi a dos sumerxibles. No seu libro, "Narco Gallegos" conta todo tipo de detalles sobre a maneira de actuar destes astutos delincuentes.

O negocio

Como aumentan os beneficios

O negocio

O sarxento do EDOA da Garda Civil da Coruña, explica como vai aumentando o prezo, e, polo tanto os beneficios, dunha operación realizada con éxito. 

O prezo aumenta segundo aumenta o número de intermediarios polos que pasa a droga ata chegar ao consumidor. Todos os peldaños da pirámide levan unha parte do beneficio, mais o "cabecilla", é o que maior parte se leva.

Cada persoa que toca a droga, supón un aumento dos beneficios, xa que teñen que pagarlle. 

Nun exemplo explicado polo sarxento: se un kg de cocaína custa 26.000 € en Vigo, cando chega a A Coruña o seu valor puido aumentar ata os 34.000 €, segundo o número de intermediarios.

As persoas que participan de forma puntual nunha descarga, levan un beneficio exclusivamente por só participar nela. Comenta o sarxento que, ademais, é moi complicado de atopar a este tipo de individuos porque o prezo que lles pagan cubre dous aspectos importantes deste negocio: o traballo físico e o seu silencio.

En canto ás persoas que venden na rúa, obteñen un beneficio por vender a pequena escala, pero adulteran as doses mínimas que lle venden aos consumidores e obteñen un beneficio bastante maior ao restarlle calidade ao produto final.

O branqueo de capitais

Como branquean os cartos os narcotraficantes

Como branquean os cartos os narcotraficantes

As forzas de seguridade

Desde o inicio ata o final dunha operación

As forzas de seguridade

O sarxento do EDOA da Garda Civil da Coruña, conta que é moi complicado levar a cabo unha operación porque é o único delito que se comeza a investigar sen ter unha proba contundente que lles asegure que a operación vai ser un éxito. Coincide con el, o xuíz galego, Juan Carlos Carballal. Este último fala das condenas, que foron evolucionando co paso dos anos. Ao primeiro case non había diferenza entre a pena que conlevaba traficar con tabaco a facelo con droga. 

Agora, aseguran que non compensa meterse no negocio, porque se te collen unha vez, xa case pasas media vida no cárcere.

As investigacións pódense prolongar máis alá dos seis meses se o xuíz ve que hai probas e motivos para seguir, senón, arquívase. Con todo, en casos moi xustificados, poden alongarse ata os dezaoito meses.

Eles levan a cabo moitas vixilancias ás persoas sospeitosas, escoitas telefónicas e, mesmo en ocasións, moi poucas, reciben chivatazos de persoas cercanas aos traficantes. O sarxento recalca que a xente é moi reacia a colaborar con eles, algo que fai aínda máis complicadas as operacións.

Con todo, defende que sempre acaban collendo aos delincuentes.

Os xuíces e as condenas

O xuíz, Juan Carlos Carballal, fala de investigacións longas e complexas, cun límite de 18 meses para aquelas que precisan de medios técnicos (escoitas, teléfonos...). Así o establece a lei, mais se non precisan de medios técnicos, poden alongarse máis tempo. 

Aclara que todo o mundo ten dereito a saber que está sendo investigado desde o primeiro momento, por iso alongar moito unha investigación pode chegar a vulnerar os dereitos da persoa investigada.

As condenas ás que se enfrontan poden reducirse debido ao alongamento das investigacións. Sen embargo, fálase de mínimo 9 anos de prisión por un cargamento de cocaína.

En canto á figura da testemuña protexida, que tan común é nas películas, explica que as hai pero esta figura correspóndese coa de confidentes ou colaboradores, persoas que desde dentro da organización poden colaborar coas forzas de seguridade.

 

Non están ben reguladas porque a lexislación ten fallas e esperan que nos próximos anos se inclúa a figura como tal na lexislación para podes desmantelar as bandas desde dentro.

A sociedade e as drogas

A sociedade

O papel das nais coraxe

Nun primeiro momento, durante a época do contrabando de tabaco, a sociedade non reixtaba de forma automática este tipo de negocio. Traía riqueza ao pobo e, ademais, tampouco supoñía grandes condenas. Como xa dixemo, cando se comezou a traficar con drogas a cousa cambiou.

As drogas, e nesto coinciden todos os protagonistas deste relato, trouxeron aos pobos miseria, desgraza e moitas mortes. A sociedade comezou a rexeitar o negocio e, neste punto, cobra importancia o papel das nais coraxe, entre as que se atopa Carmen Avendaño, que asegura que había semanas que tiña que acudir a 3 e a 4 enterros debido á adicción que causaron as drogas a persoas de todas as idades e de todas as clases sociais.

É unha muller valente que, unida a outras mulleres, loitaron, e ségueno facendo, para que rematara o negocio das drogas en Galicia, concretamente nas Rías Baixas. Enfrontouse mesmo a grandes narcos como son Laureano Oubiña, os Charlíns ou mesmo Sito Miñanco. Ameazárona a través do teléfono móbil centos de veces, insultárona e, en dúas ocasións cortáronlle os freos do coche, mais ela, non se rendeu nunca.

Estas mulleres loitaron para que se modificase a lei e para que mellorasen as condicións do cárcere. As ansias por conseguir cartos para comprar cocaína ou outro tipo de substancias levaban aos consumidores a delinquir e, moitos, remataban no cárcere, onde ao principio só había unha xiringa e era fácil contraer o VIH. Carmen Avendaño conta que loitaron para que fixeran algo con esa situación nas prisións e que tamén lles facilitaran condóns para que, nos vis a vis, non lles pasaran o VIH ás súas parellas e non naceran nenos e nenas infectados.

A base de protestas, manifestacións e reunións cos políticos e grandes cargos do cárcere, conseguiron avances moi importantes: un cambio lexislativo, condóns nas prisións, metadona para os adictos... A presión da sociedade, a visibilización do problema por parte das nais coraxe tivo un papel moi importante na historia do narcotráfico en Galicia.

Carmen Avendaño conta unha anécdota curiosa sobre o día que foron falar co que era presidente de Galicia naquel momento, Manuel Fraga, para pedirlle axuda. Admite que ían con medo e con baixas expectativas pero, cando levaban unha hora expoñendo o problema, Fraga estaba mirando cara o chan. "Este cabrón se está durmiendo", pensou Avendaño, mais cando levantou a cabeza, estaba chorando, "se dio cuenta del grave problema que estábamos sufriendo".

Co paso do tempo, aínda que as forzas de seguridade a día de hoxe reclaman máis medios, conseguiuse un cambio a todos os niveis moi importante: un cambio lexislativo, un cambio de mentalidade , un cambio nas condicións do cárcere.... E todo grazas á presión que fixo a sociedade, entre a que destaca o papel das nais coraxe, entre as que se atopa Carmen Avendaño.

Cabe destacar que, arestora, os narcotraficantes non son tan presumidos coma antes nin tan coñecidos. Traballan e actúan co máximo sixilo posible porque actualmente non teñen esa fama como a que pode ter a día de hoxe Sito Miñanco.

Outro dos temas nos que coinciden os nosos protagonistas é, por unha banda, en que hai un repunte no consumo de drogas, e, por outra, en que o papel dos medios de comunicación para a concienciación da sociedade é moi importante. Critican a banalización que se fai da figura dos narcos nalgúns medios e mesmo falan de que as series poden crear unha opinión sobre os delincuentes errónea, catalogando de bos ao que traen as desgrazas e, de malos, aos que loitan por frealos, cousa que fai que haxa rapaces e rapazas que, de maiores, queiran ser como Sito Miñanco, algo que, desde o seu punto de vista, é unha loucura. 

A Fundación Érguete e A Fundación Galega Contra o Narcotráfico

Carmen Avendaño a día de hoxe é a presidenta da Fundación Érguete - Integración, en Vigo. Leva máis de trinta anos coa loita e non se cansa. 

 

A asociación axúdalle a todas aquelas persoas en risco ou situación de exclusión social a buscar traballo. Ademais, saen a dar charlas por diferentes partes de España explicándolle á xente nova, e non tan nova, as consecuencias derivadas do consumo de droga.

Érguete conta cun equipo xurídico-social que fai un seguemento da situación das persoas e pretende que as persoas afectadas busquen alternativas ás drogas e axúdanlles a ir deshabituándose e formándoos en cursos para que poidan traballar. No último ano pasaron máis de dúas mil persoas polas súas instalacións.

Outra institución de peso en Galicia é a Fundación Galega Contra o Narcotráfico. O seu xerente é Fernando J. Alonso, explica que nun primeiro momento nace como unha plataforma creada por un movemento cidadán co propósito de facerlle fronte ao narcotráfico e ás consecuencias da adicción ás drogas.

 

A Operación Nécora foi a clave para a súa creación porque supuxo unha victoria ao ver que por fin, os narcos, que tanto presumían do que conseguían, ían ser condenados. Sen embargo, cando saen as condenas, case ningún vai a prisión. E foi aí cando xorde a necesidade de moverse para que se produzan cambios nas leis, entre outras cousas, e a plataforma converteuse en Fundacion

A Fundación traballa en tres ámbitos: por un lado, colabora coas forzas de seguridade e traballa en iniciativas legais; por outra parte, fan campañas de sensibilización e atenden a persoas con problemas de drogodependencia e, por outra banda, loitan para que os bens dos narcos sean decomisados e devoltos á sociedade dunha maneira ou doutra (como por exemplo vendendo os coches de alta gama).

Está conformada por un padroado no que hai tanto persoas físicas de todo tipo como concellos (Vilagarcía, Cambados e Ribeira) e logo, contan co apoio institucional da Xunta de Galicia, Obra Social La Caixa.... e colaboracións con Cruz Vermella, Cáritas, Proxecto Home...

Que é a Fundacion Galega Contra o narcotrafico?
Bateas De Luxo

Que é a Fundacion Galega Contra o narcotrafico?

O narcotráfico na Costa da Morte

O narcotráfico na Costa da Morte

Das forzas de seguridade aos veciños da zona

A Costa da Morte é unha zona da que non se teñen moitos datos sobre o narcotráfico. Agora ben, todo o mundo coincide en que as súas costas abruptas e difíciles de navegar son perfectas para o negocio e, de feito, hai varias operacións que tiveron lugar nesta zona.

Hai organizacións de Arousa, que aprobeitan que coñecen a xente da Costa da Morte que coñece perfectamente a zona, para encargarlle a eles a descarga e posterior ocultación do produto.

 

Antes de entrar a falar dos casos máis coñecidos, imos diferenciar entre dous tipos de clans, tal e como fai o sarxento do EDOA da Garda Civil da Coruña:

 

Clans que introducen droga

O clan dos Lulús  (Muxía). Vinculados ao contrabando de tabaco e tamén de drogas. Foron detidos en varias ocasións

Introducen miles e miles de quilos tanto de haxix como de cocaína a través das costas.

Teñen contactos en Sudamérica, que son os que envían os cargamentos para aquí. Unha vez en Galicia, subcontratan os lancheiros que van transportar a droga,  os transportistas que a van levar dun lugar a outro da comunidade,  os pesqueiros, os grupos que descargan, os grupos encargados da vixilancia... Uns prestan servizos a outros.

Clans adicados á compra-venta

Clan de Neaño (Laxe). Adicábase á venta de pequenas doses de droga. Desarticulouse no 2016. A súa matriarca, Elisa González está no cárcere

Trátase de pequenos clans adicados á compra de un, dous ou tres quilos de cocaína para logo vendelos a pequenos consumidores.

Teñen unha estrutura piramidal na que hai un líder, un "cabecilla" e, logo, hai diferentes estamentos ou peldaños que teñen diferentes funcións pero sempre están ao mando do que encabeza a pirámide.

As operacións e os clans máis coñecidos

01

Operación arnela (2009)

Todo comezou en Muxía cando a Garda Civil viu un camión sospeitoso preto da praia de Arnela, que resultou conter fardos de haxix. Os axentes pediron reforzos e a operación pechouse con 3.800 quilos de haxix, catro vehículos, dúas lanchas neumáticas e un barco, o Iriana incautados. Nun principio houbo nove detidos de orixe marroquí, pero remataron sendo 18.

02

OPERACIÓN TABAIBA (2009)

Supuxo a caída dos narcotraficantes, O Patoco, o Saro e o Mulo e a aprehensión de máis de 3.000 quilos de cocaína en Muxía. Iniciouse a operación tras descubrir un alixo de 4 toneladas de cocaína nunha embarcación da zona. Nun primeiro momento detiveron ao Parido e a un dos membros do clan dos Lulús.

03

Os LuLÚS

Falamos dos coñecidos narcotransportistas galegos. Trátase de dous irmáns nacidos en Muxía, Andrés e Fernando García Gesto. Andrés foi arrestado polas forzas de seguridade no 2009 preto da praia de Arnela, coa roupa mollada tras descargar a droga dunha embarcación que logo aparecería incendiada preto da costa de Ribeira 

Os Lulús

O Clan de Neaño

Sito Miñanco

Charlíns

Oubiña

Os veciños de Muxía

A Costa da Morte sempre foi coñecida pola súa distinguida xeografía. Está chea de calas, acantilados, desniveis, praias salvaxes... Isto posibilitaría a realización de descargas na zona. Existen moitas historias, moitas lendas e moitos contos relacionados con este tema. Debido á lei do silencio, á compra do silencio das persoas implicadas e á desaparición de xente que decidiu contar algunha anécdota, non conseguimos obter datos que sexan claramente reais.

O xornalista Xusto López Carril, naceu en Muxía e viviu algunhas situacións peculiares que non confirma nin desminte que estean relacionadas co narcotráfico na Costa da Morte.

Como "costamorteiro" nunca viu unha descarga, mais coñece xente que viviu algún momento incómodo na súa vida e o vincula coa descarga de cocaína.

O xornalista conta que durante os temporais de inverno era normal que marchara a luz durante varios días, mais durante algunhas xornadas solleiras do verán, á noite, a luz marchaba ás 12 da noite e volvía a altas horas da madrugada. El non sabe os motivos, pero cando o collía no bar, a xente decía "descargha". Do mesmo xeito, di que son falares, que seguramente ningún viu nada raro pero dicíase iso.

Outro "conto" é que nunha igrexa da zona houbo un tempo no que se gardou un alixo de cocaína e, algo que lle molesta moito, que cada vez que algún negocio marchaba ben, algún pescador compraba unha casa ou un coche ou algunha persoa tiña éxito, os veciños e veciñas da zona dicían "é da drogha". Non lle parece ben que se relacione o éxito da xente coa droga e tampouco cre que se consuma máis droga en Muxía que noutro punto de Galicia.

En primeira persoa

Galeía

Galería

Contacto
bottom of page